O Monte Veciñal galego

a

A idea deste pequeno artigo é a de apuntar a grandes trazos a evolución histórica do monte comunal galego. Podemos dicir que o monte comunal pasa por dous periodos ben diferenciados e o que marca a diferencia fundamental é a chegada ao agro galego dunha economía baseada principalmente no mercado. Non sabemos con certeza cal é a orixe do monte comunal, son varias as distintas teorías respecto de cando e por que crease no agro galego este modelo. Ao parecer as súas raíces máis profundas proveñen xa da época castrexa, e volven florecer coa chegada dos suevos e o final do modelo agrario román. En todo caso especulacións.

O que si é certo é que o monte comunal xa está en funcionamento na Baixa Idade Media, e que as súas características eran xa as que todas coñecemos… Para un momento, seica estou acelerando… E que é iso do monte comunal? Ben, o monte comunal non é outra cousa que a propiedade colectiva do monte por parte das veciñas dunha aldea ou parroquia (propiedade xermánica que se lle di, e daí quizais a súa orixe sueva). Digamos que o monte é propiedade da aldea e teñen dereito a usalo todas as que nela moren. De feito, o requisito para ser comuneiro é precisamente o de ter un lume, é dicir, ser veciña da aldea (en tanto que ter unha casa onde vivir), veciñas enténdese como unha casa, non unha persoa, feito importante este. A propiedade da terra non se pode enaxenar. O monte utilízase por tódalas veciñas, sen que se teña necesariamente que traballar colectivamente (ás veces facíase, ás veces non). Repartíase en parceliñas iguais para cada veciña e cada quen facía uso del con total liberdade. O monte era un recurso fundamental da economía agraria e permitía: recoller leña, apañar toxo e xestas para facer a cama do gando (e o imprescindible estrume), levar pastar aos animais e facer, isto si de xeito colectivo, a estivada. Para organizar esta última e para organizar todo o referente ao monte comunal o órgano decisorio era a asemblea veciñal, e por ela pasaban tódolos aspectos relacionados co monte. O procedemento era ben sinxelo: unha veciña, un voto.

Ollo! Propiedade colectiva, axuda mutua, asemblearismo veciñal… Todo isto é certo, pero a realidade non era tan bonita como parece. O monte comunal non estaba libre das relacións de poder. E é que se ben é certo que o monte comunal era colectivo e dividíase a propiedade a partes iguais, non pasaba o mesmo cos terreos de labrada, así as diferencias sociais e económicas entre os veciños eran moi grandes. Moitas veciñas dependían totalmente daquelas outras que conseguiran a “mellora”. Uns eran propietarias, outras aforadas e outras caseiras. Había moitas que non tiñan nada e dependían de traballar a xornal na aldea. O seu voto e a súa capacidade de decisión sobre o monte estaba moi limitada frente a un seu veciño que era en realidade o seu patrón. Tamén hai que dicir que en calquera caso o acceso ao monte veciñal supuña a única fonte de ingresos para esta xente e a súa única saída para escapar da miseria e poder ir tirando. No monte comunal eran como unha máis, e tiñan dereito ao espigueo, ao toxo e a estivada.

Así a grandes trazos este é o panorama do monte comunal galego que permanece prácticamente invariable desde a Idade Media ata a chegada do século XIX. Mantense estable debido ao equilibrio que este modelo de explotacion agraria conseguira, facendo del un sistema moi perfeccionado e con todas as súas partes moi ben medidas. Que é o que cambia coa chegada do século XIX? O interese por parte do estado liberal de “modernizar” e industrializar o sector agrario seguindo o modelo dos “pechamentos” (enclousures) ingleses. A idea era que a propiedade colectiva do monte dera paso a unha propiedade privada do mesmo; no que o monte repartiríase e cada veciño comezaría unha explotación individual tentando maximizar o beneficio, aumentando o rendimento da terra. E con este proxecto na cabeza, nun alarde de expropiación temerario, o estado liberal pon á venta as propiedades veciñais a través da desamortización de Madoz en 1855. O resultado da mesma foi un completo fracaso para os “privatizadores”, apenas se mercaron propiedades veciñais. O monte comunal conseguira deter un grande golpe. As causas deste fracaso son variadas e podemos apuntar aquí as seguintes:

-Por un lado a propia resistencia das veciñas a quen se lles estaba quitando un recurso de subsistencia fundamental; e que non tiveron reparos en ameazar coa morte aos posibles compradores.

-Por outra banda, a falta de monetarización do rural galego impediu que os veciños / fidalgos / burgueses con interese en mercar e pechar terras non dispusexen de moeda líquida coa que facer fronte ao pago que esixía a administración. Curiosa paradoxa para o estado liberal, non se pode crear economía de mercado sen capital, pero sen economía de mercado non hai capital.

-Outra das causas é que na práctica a compra de monte comunal podía ser moi perxudicial para a veciña que o intentase. O veciño poderoso depende da man de obra que lle proporcionan os veciños pobres para traballar a terra, sen acceso a monte comunal, estes veríanse obrigados a emigrar; cunha economía de autoconsumo o propietario tampouco pode pagar salarios co que ao fin o tal veciño atoparíase enterrado baixo centos de terras no monte, pero sen ningúen que as traballase. Iso si, en todo caso a idea de privatizar e industrializar o monte comunal non caeu en saco roto, e durante todo o século XIX iría gañando cada vez máis peso entre a administración e entre as propias comuneiras.

Coa chegada do século XX a cuestión do monte comunal vese momentáneamente desprazada por mor desa gran loita social que foi o agrarismo. A revolta e mesmo a insurrección campesiña conseguiron un dos seus grandes obxectivos na redención foral en 1923 (aínda que non o principal que non foi outro que decidir por si mesmos como ía ser e organizarse o mundo rural tras a inevitable chegada da modernidade e o capitalismo ao agro galego) para ver como novamente o monte comunal é ameazado. Comeza nesta época de principios de século XX a estenderse a idea entre os enxeñeiros forestais de que o monte galego está nun estado de abandono, completamente deixado de lado e que estase desaproveitando a súa riqueza. Todo isto porque estaba sementado con toxo, pranta da cal os enxeñeiros forestais non coñecían a función que cumpría no agro galego (servir de abono principal da terra, misturado co excremento do animal no famoso estrume). Así formulan que o monte galego ten que poñerse a traballar, e deseñan para el un plan de reforestación en vistas a crear unha industria forestal. Naturalmente isto vese con moi bos ollos por parte da administración do estado, tanto a do dictador Primo de Rivera como a da II República. Fánse os primeiros intentos de crear plantacións forestais, pero estes son débiles, con pouca intensidade, e ademais vense confrontados polo rexeitamento da veciñanza, é dicir, de momento, non deixan de ser uns intentos tímidos e secundarios de industrializar o monte galego. Aínda así vemos como o Estado ten plans para o monte, e ameaza directamente a realidade do monte veciñal.

Esta situación vira coa chegada do fascismo. É un momento realmente triste. Cando nos anos trinta a xente campesiña conseguira grandes triunfos sociais, redimindo os foros, librándose de moitos caciques, organizándose política e económicamente, cando parecía que os soños podían chegar a verse cumpridos, de crear un mundo de igualdade e de xustiza social, onde a xente tivera a capacidade de decidir por si mesma como quería vivir e como ía a ser o mundo no que ían vivir, foi nese momento xusto, cando de golpe, a chegada do fascismo corta brutalmente todos estes soños de raíz e crea a súa propia modernidade fascista no agro. Modernidade de asasinatos e xenocidios, modernidade que para o monte veciñal supón a expropiación completa do mesmo por parte do estado fascista, e a implantación pola forza do proxecto industrializador ligado á industria forestal. E así chegamos a unha nova situación, o monte veciñal desaparece, expropiado por parte do estado fascista, que expropia tamén o seu uso, pois adícase a facer plantacións de piñeiros e eucaliptos (algo despois) nel, con vistas a fabricar produtos industriais da peor calidade e menor valor engadido (pasta de papel e taboleiro aglomerado). Mentras a xente que necesitaba si ou si o acceso ao monte, e que este estivese cultivado con toxo e non cheo de piñeiros comeza a súa resistencia. É a época das chamadas guerras do lume, cando as veciñas ían pola noite a destruír, poñendo lume, nas plantacións que os operarios e enxeñeiros forestais puxeran durante o día nas que foran as súas terras. É o xogo do gato e o rato, plantar pola mañá, arrincar pola noite. E así durante gran parte dos anos 40, 50 e incluso 60.

A partir dos 60 muda de novo a situación. O primeiro é que o Estado frea en gran parte a “guerra do lume” aumentando a represión e facendo que a Garda Civil vixiara pola noite as plantacións e non dubidara en deter, mallar ou mesmo asasinar aos veciños. A segunda é que sen toxo, non había abono, e sen abono non hai colleita. Moita xente tivo que marchar do campo, emigrar do rural cara a Francia, a Suíza ou a Bélxica. Cara a Madrid, Barcelona ou Bilbao. Cara a Vigo ou A Coruña. Evidentemente, o despoboamento do rural e a migración cara as cidades non é só culpa de falta de acceso ao monte veciñal, pero si en enorme medida, da industrialización salvaxe do mesmo, industrialización feita e deseñada por outros e para outros, e que foi e segue a ser a condena do rural galego. Por último, a partir dos 70, esa industrialización e modernidade chega ao agro galego. Empezan os tratores e os abonos químicos, hai máis maquinaria no agro máis alá das vellas malladoras, incluso empezan a chegar cociñas de butano. Todo isto rompe en gran medida a dependencia do monte que se tiña anteriormente, de xeito que este deixa de ser parte integral da vida do rural para convertirse nun outro recurso complementario dentro dun apartado case que exclusivamente económico.

Esta é a realidade actual do monte veciñal hoxe en día. Coa chegada da II Restauración no ano 1975 a nova administración do estado promete devolver os montes veciñais (de propios din eles) ás aldeas e parroquias a quen Franco os roubara, e así os concellos comezan a devolver a terra aos seus donos, algúns con máis celeridade que outros. Algúns aínda estan agardando, non se sabe moi ben a que case 40 anos despois. Devólvese parte e outra non, devólvese mal, devólvese non a unha aldea ou parroquia senón a esas entidades novas chamadas Comunidades de Monte, pero devolver devólvese. O problema é que a realidade di que o monte veciñal xa non existe, todo cambiou e todo mudou, o rural galego é gora un rural modernizado e industrializado e tamén un rural ferido de morte. O monte veciñal xa case non xoga ningún papel para ninguén, polo menos non un papel fundamental, así que, a maioria das veces, ao devolver a terra, esta repártese entre as veciñas a cachiños, cumprindo así o vello soño liberal de convertila toda en pequena propiedade privada. Ás veces este reparto é igualitario, outras non o é, quedando con máis terra quen máis terra ten e quen máis pode traballála. En todos estes casos o monte veciñal desapareceu.

Alí onde o concello volveu á terra, e esta non se dividiu inmediatamente entre os veciños, formouse unha Comunidade de Montes coa idea de explotar o monte veciñal de xeito colectivo. En realidade unha Comunidade de Montes funciona como unha cooperativa de moitas socias, pero como toda cooperativa funciona como empresa, e ten unha visión industrial e económica do monte. Os propios veciños acabaron por adoptar eles tamén a mentalidade do monte como explotación que desde Primo de Rivera ata Francisco Franco impuxérase con sangue no agro. Así temos moitas diferenzas entre o que era o monte veciñal tradicional e o monte veciñal actual:

-A primeira é a ligazón do monte comunal á economía de mercado. O monte é unha fonte de recursos a explotar e vender. Non se trata dunha ferramenta agrícola, destinada ao autoconsumo, non, a explotacion do monte é agora unha actividade económica baseada no mercado. As actividades que se fagan, sexa plantar eucaliptos para venderlle a ENCE, ou sexa algunha das novas iniciativas económicas que están xurdindo na actualidade (venda de setas, cría de gando, plantar árbores “nobles”, ou mesmo turismo natural), non representan ningunha diferencia respecto disto. Actividade de mercado, millor ou peor, pero nada que ver co que era antes. O monte veciñal é agora maioritariamente un recurso económico para unha empresa.

-Empresa que funciona como xeradora dunha actividade complementaria. É moi pouca a xente dentro dunha comunidade de montes que teña a explotacion do monte como a súa actividade económica fundamental, a maioría da xente non vive do monte. Moitos teñen unha explotación gandeira ou de viño. Moitos están a cobrar a pensión, outras traballan no que poden. É dicir, a explotación do monte é un recurso, non a actividade fundamental como era antes. Actividade totalmente integrada no núcleo do sistema agrario galego, e absolutamente imprescindible. Agora é unha outra fonte de ingresos, máis ou menos importante, pero actividade complementaria. Con todo isto o que quero dicir é que a explotación do monte comunal desligouse en gran parte da vida cotiá no rural galego, ata tal punto de haber moitos casos de comuneiros ausentes, que teñen o dereito a selo, pero viven na vila ou na cidade e non lle prestan atención ao monte. Ou os casos das comunidades de monte urbanitas.

-Hai unha terceira diferencia que pode parecer unha chorrada, pero que a min como anarquista preocúpame. Trátase da destrución da cultura asemblearia. Peor ou millor, pero no rural galego existía a Asemblea Veciñal, asemblea na que todo o mundo participaba, discutía e rifaba. Unha asemblea que fixaba por si mesma o xeito de levarse adiante, que podía rematar a golpes e coa xente berrando uns por riba doutros, pero unha asemblea ao fin e ao cabo. Agora, con todo, as asembleas das comunidades de montes, son asembleas mimetizadas coa forma de democracia da administración do estado. Co seu presidente e o seu secretario, coa súa orde do día e súas regras de participación. A min isto paréceme unha perda de capacidade de decisión, así como unha perda cultural. A cousa é que, ao meu xeito de ver, a mímese coa administracion trouxo menos democracia a asemblea veciñal.

-Hai outro aspecto nas comunidades de Montes que tamén fagocitou a administración, máis ben a suplantou completamente. Estou a falar de todos eses concellos, que por falta de cartos, ou exceso de ladróns deixan totalmente abandonadas ás veciñas do rural, especialmente á xente que vive en aldeas pequenas ou ailladas, e aquí, moitas comunidades de montes xogaron o papel que o estado non fixo, xa que foron estas comunidades as que a través dos cartos que sacaron da explotación forestal puideron acometer obras públicas variadas. Desde arranxar unha estrada en mal estado, construír unha gardería ou rozar unhas silveiras. Decidindo entre a veciñanza que e como facer (por moito que se critique o dos tanatorios) e dando emprego aos propios veciños ao mesmo tempo. E aquí si hai unha continuidade clara co pasado. É a través do monte veciñal, e do órgano que o xestiona que se organiza a vida comunitaria, e a xente é capaz de empoderarse e de autoxestionarse por si mesmas á marxe do Estado. A asemblea veciñal era quen tomaba as decisións no rural no pasado, as Comunidades de Montes teñen o potencial para facelo tamén, e este é, sen dúbida o aspecto máis positivo que nos aporta o monte veciñal hoxe en día.

E aquí o deixo, non vou realizar unhas conclusións a modo de resumo nin nada diso que xa molestei bastante. A miña opinión sobre o tema creo que está clara. Simpatizo, pero con matices co que era o antigo monte veciñal, opóñome ata certo punto ao que é hoxe en día. Os problemas e a súas solucións, non vou ser eu quen as dea. Primeiro porque non as sei, e segundo porque aínda que as tivese non son ningúen para andar dicíndolle aos demais que é o que hai que facer.

Ala, ata logo. A tomar un viño.

Troita de pé