A primeira folga da Historia

A primeira folga da Historia.

Unha achega a (quizais) o primeiro documento escrito sobre a organización obreira.

A historia da humanidade é a historia das relacións de poder. Dominación e resistencias, pulsos e fuxidas. Antes de que os artefactos explosivos e a propaganda polo feito iluminasen a Europa dos ilegalistas, Prometeo tivo que roubar o lume aos deuses. Antes de que Nietzsche negase a deus, Dióxenes paseaba case nu pola polis ateniense negándose ata a el mesmo. Antes de que os obreiros socialistas de principios século XIX reclamasen a folga como instrumento imprescindible de loita política,  os obreiros exipcios deixaban de traballar e sentábanse de costas á tumba de Tutmosis III en sinal de protesta.

Esta folga, que se describe no chamado Papiro da Folga – conservado hoxe en Turín -, data do día 10 do mes Peret, no ano 29 de Ramsés III (1166 a.C.). No papiro, escrito por un traballador da tumba deste faraón, evidénciase un conflito en cernes, que comezou debido a unha falta de pago por parte do Gobernador de Tebas Oeste. Noutras fontes, fálase da mala calidade das racións: “Comunico ao meu señor que estou a traballar nas tumbas dos príncipes cuxa construción o meu señor encargoume. Estou a traballar ben. Non son en absoluto neglixente. Comunico ao meu señor que estamos completamente empobrecidos. Quitóusenos un saco e medio de cebada para darnos un saco e medio de lixo”.

Debido a estes desmáns, ao finalizar a súa xornada, os artesáns exipcios marcharon en protesta cara os templos. Esta actitude implicaba un verdadeiro desafío cara a autoridade. A multitude famenta berraba por comida. Nun dos templos entregáronselles 50 pans, insuficientes para dar de comer a todo o mundo, polo que ao día seguinte decidiron entrar á forza no templo paralizando as obras. Foi necesaria a intervención dun escriba, que se dirixiu ao templo para esixir as racións acaparadas polos sacerdotes. Estes, instaron aos obreiros a retomar o traballo facendo grandes promesas. Os artesáns da necrópole, con todo, permaneceron acampados detrás do templo. O segundo e o terceiro día de folga, ocuparon o recinto que rodeaba o templo funerario de Ramsés II, provocando a fuxida de policías, porteiros e contadores, temerosos de enfrontarse á masa famenta. A ocupación do Ramaseum provocou un cambio na actitude dos poderosos, que remataron facilitando as racións do mes anterior. No papiro consérvanse as peticións dos obreiros: “Chegamos a este lugar por causa da fame e da sede, pola falta de roupa, peixe e hortalizas. Escríbano ao Faraón, o noso señor, e escríbano ao Visir, o noso superior. Fágano para que poidamos vivir!”

Papiro da Folga, Museo de Turín.

A folga non remataría. As racións do mes en curso aínda non estaban sendo entregadas. Os obreiros ocuparían o templo funerario de Tutmosis III, ata serlles entregadas as racións correspondentes ao mes. Enviados os salarios, a situación volveu á calma, mais por pouco tempo. Aos quince días, escoitábanse estas proclamas: “Non nos iremos. Digan aos seus superiores, cando estean cos seus acompañantes, que certamente non cruzamos os muros a causa da fame soamente, senón que temos que facer unha acusación importante porque certamente estanse cometendo crimes neste lugar do Faraón”.

Os disturbios sucedéronse e declaráronse ata dúas folgas máis, ata conseguir en cada caso a paga correspondente; mais as revoltas non remataban, debido a que as pagas volvían a atrasarse.

Ante a visita do visir, os obreiros actuaron de común acordo e pararon as súas actividades. Estes, volveron conseguir a entrega das racións completas, mais ordenóuselles non volver declararse en folga, baixo pena de ser castigados por desobediencia, é dicir: as folgas declaráronse ilegais.

As ameazas, sen embargo, non tiveron un efecto duradeiro. A demora no subministro de alimentos once días despois, empurrou aos traballadores a corear de novo a consigna: Temos fame!. O alcalde de Tebas tivo que proporcionarlles cincuenta sacos de trigo.

Os continuos ataques cara os traballadores, atrasándose unha e outra vez os seus pagos, seguramente están detrás da aparición dos ladróns de tumbas. Algúns investigadores observan que a partir deste momento, comezaron a sucederse os roubos en tumbas reais e privadas.

Eles as construíron, quen mellor para saquealas?.

 

 

Tumba de Tutmosis III.

As folgas continuarían ata o final da XX dinastía, baixo o reinado de Ramsés XI, época na que se abandonou o Val dos Reis como lugar de enterramento real, en boa medida a causa da crise do Estado e das invasións libias. Exipto, a pesar de ser un país rico e poderoso, no s. XII a.C. anunciaba xa a súa decadencia. Nas fronteiras do imperio sucedíanse os ataques; a corrupción e a mala administración dos recursos debilitaban a economía; o excesivo crecemento da burocracia estatal e a falta de recursos levaron a unha situación límite. O reinado e a vida de Ramses III remataron cunha conspiración, na que tomarían parte importantes funcionarios políticos da súa harén.

A nós teríanos gustado que a conspiración tivese sido argallada polos obreiros.

 

Bibliografía.

La primera huelga de la historia, en el Egipto de Rameses III
José Miguel Parra Ortiz
Historia y vida, ISSN 0018-2354, Nº. 352, 1997, págs. 65-75

Redactado por Nécora Nihilista, para Abordaxe!.