A historia de Patty Hearst e o Exército Simbiótico de Liberación

Moito se falou e se escribiu daquel efervescente período de contracultura e guerra social nos Estados Unidos de América, cando naqueles anos ’70, en paralelo ás loitas polos chamados “dereitos civís” e contra o racismo, da man de organizacións tan emblemáticas coma os Panteiras Negras, comezaron a xurdir diferentes organizacións armadas que, recollendo o espírito da chamada “Nova Esquerda” e as críticas renovadas ás transformacións que a sociedade capitalista e as súas estruturas de poder estaban a desenvolver, atacaron a paz social e sacudiron non só os preceptos fascistas de sempre, senón tamén a propia moralidade e as análises da esquerda tradicional, e as súas escleróticas formas de loita.

Grupos coma os Weathermen (máis coñecido coma Weather Underground), os Up Against The Wall, Motherfuckers! (quenes se describían a sí mesmos coma unha banda rueira politizada, a medio camiño entre as bandas de delincuentes e os grupos de afinidade) ou os Diggers son exemplos desta corrente de acción insurrecional que, se ben non pode nin debería ser catalogada de anarquista (polo menos non de xeito completo), esperta en min un gran interese e afinidade desde hai tempo.

Con todo, hai un grupo que foi especialmente estraño, e que protagonizou un dos feitos máis sorprendentes e á vez sospeitosos daquela época. Fálovos do chamado Exército Simbiótico de Liberación (ou SLA, Symbionese Liberation Army, polas súas siglas orixinais en inglés).

O Exército Simbiótico de Liberación (ESL de agora en diante) foi unha estructura política armada que tiña como símbolo a inquietante figura dunha cobra de 7 cabezas, símbolo antigo que segundo elas, representaba a harmonía universal e o que elas interpretaban coma unha unidade nos obxectivos de diferentes loitas e correntes do momento. Ademais, este emblema facía referencia aos chamados Sete Principios de Kwanzaa, relacionado coa esotérica Swahili e que representábanse coas palabras Umoja (Unidade), Kujichagulia (Autodeterminación), Ujima (Traballo e responsabilidade colectivos), Ujamaa (Economía cooperativa e non competitiva), Nia (Propósito), Kuumba (Creatividade) e Imani (Fe).

Logo do ESL representando a serpe de 7 cabezas

Segundo os seus primeiros manifestos, o ESL era “unha entidade harmónica xurdida de entidades e organismos capaces de vivir en profunda e amorosa harmonía, así como en compañeirismo, en interese da entidade”. Compartían, non sen certo erro coma o tempo demostraría (aínda que esta análise tiña desde logo bastante sentido dentro do contexto político e social da esquerda revolucionaria da época), o punto de vista doutras guerrillas urbanas do momento, coma o antes mencionado Weather Underground, ou doutros grupos afincados en Europa coma a RAF ou mesmo as Rote Zora, de que ningún proceso revolucionario podería comezar desde as metrópoles do chamado “Primeiro Mundo” e que o papel das militantes occidentais era protagonizar sublevacións e accións armadas coas que desestabilizar as operacións imperialistas da OTAN nos países “tercermundistas”*, permitindo tamén crear o espazo para que os pobos daqueles territorios, auténtico suxeito revolucionario segundo as conclusións destas guerrillas, tamén fosen quen de organizarse e alzarse rematando por fin coa dominación capitalista global e as súas desastrosas consecuencias.

A pesar da grandilocuencia e da proxección amplificada da súa imaxe, o ESL non era a organización armada extendida por todos os EUA que moita xente pensaba; pola contra, tratábase dun bizarro pero apaixoado grupo de estudantes de San Francisco. Non obstante, isto non lles impediu levar a cabo unha serie de accións que foron desde a expropiación ata a execución política, coma por exemplo foi o caso do doutor Marcus Foster, Superintendente da Rede de Escolas de Oakland, que morreu abatido por varios disparos o 6 de novembro de 1973 e en cuxas feridas, máis tarde, atoparían restos de cianuro, e que foi acusado polo ESL de pretender crear unha “policía política” no interior dos centros escolares de Oakland e doutras zonas de California a través da súa defensa dunha medida de seguridade que consistía na implantación dun sistema de tarxetas identificativas obrigatorio para todo o alumnado e imposto co pretexto da loita contra a venta de drogas ilegais nos centros escolares.

Compre sinalar que pola execución de Foster foron detidos dous membros do ESL, Russell Little e Joseph Remiro, que o 10 de xaneiro de 1974 foron parados por un control policial rutinario cando circulaban nunha furgoneta. Cando os madeiros quixeron inspeccionar o vehículo, os ocupantes abriron fogo e tentaron fuxir. Mentras que Little foi ferido de bala na persecución e o tiroteo e detido, Remiro logrou fuxir, sendo posteriormente interceptado de novo nos arredores dun escondite do ESL. A Remiro atopáronlle supostamente a pistola que se usou para matar a Foster. Na furgoneta onde ambos circulaban, ademais, foi atopada documentación impresa do ESL e armas de fogo. Os dous guerrilleiros foron automáticamente acusados de matar a Foster e enviados á prisión de San Quintín, a pesar de que só as persoas declaradas culpables nun xuízo podían ingresar no cárcere, e eles todavía non tiveran un xuízo. Finalmente, ambos foron sentenciados a cadea perpetua polo asasinato do doutor Marcus Foster así como polas accións ilegais emprendidas durante a súa detención e o enfrontamento armado cos madeiros. 7 anos máis tarde, Little vería conmutada a súa cadea perpetua, e tempo despois sería absolto, saíndo do cárcere (algunhas fontes afirman que se tería convertido nun chivato ofrecendo información á policía e acusando a algunhas das súas compañeiras de estar detrás das dúas execucións políticas reivindicadas polo ESL, unha das cales estábanlle atribuíndo a el, se ven non está confirmado nin claro que Little fose realmente un delator). No caso de Remiro, continúa en prisión hoxe en día, cumprindo a perpetua. Tamén sinalar que, pouco despois da detención de Little e Remiro, o ESL, sospeitando que era cuestión de horas que a policía asaltase a casa segura preto da cal foi detido un dos guerrilleiros, decidiron prender lume no piso, para tentar destruir a documentación e materiais alí agochados antes da chegada da policía. Con todo, os madeiros foron quen de recuperar bastantes probas, entre elas documentos que recollían os nomes reais de todas as membros do ESL e o seu alcume correspondente (o que permitiulles identificar rápidamente a outras persoas implicadas).

Fotografía dos membros do ESL Joseph Remiro e Russell Little

Con todo, non é nisto no que me interesaba centrarme neste texto. A acción máis famosa do ESL foi sen dúbida o secuestro en febreiro de 1973 de Patricia “Patty” Campbell Hearst, filla de William Randolph Hearst, quen por aquel entón era o maior magnate dos medios de comunicación de todo o país, un multimillonario propietario das principais ferramentas de manipulación, desinformación e criminalización das loitas sociais e de promoción dos ideais racistas que traducíanse constantemente en masacres nos países pobres e no aumento da violencia racial nos suburbios das principais cidades ianquis. Ante semellante rapto, calquera pensaría que o ESL pediría un rescate desorbitado, aproveitando para “pagar todas as facturas” ou garantir a súa seguridade. Pero non foi así, e a petición do ESL sorprendeu tanto dentro como fóra da escena contracultural armada da época. Nun comunicado no que o líder do ESL Joseph Freeze, baixo o pseudónimo “Cinque” (un alias procedente do escravo negro que liderou o motín que se produciu no buque negreiro “Amistad” en 1839), asumía a responsabilidade do ESL polo secuestro e esixían, ademáis do acceso á liberdade baixo fianza para Little e Remiro (á cal finalmente renunciarían por considerala unha causa perdida que non lles ían conceder), que o señor Hearst entregara cartos dabondo para a compra de comida a través da súa ONG People In Need (da cal, por suposto, Hearst sacaba tallada, facendo negocio coa “beneficencia”) destinada a alimentar a cada persoa pobre de California baixo as seguintes condicións e pautas:

A comida debería ser de primeira calidade e estar en perfecto estado, advertindo que non aceptarían a entrega de alimentos do goberno ou comida caducada etc. e tería que ser destinada a San Francisco, Oakland e East Palo Alto, esixindo tamén que se puxeran a disposición das persoas necesitadas unha boa cantidade de centros de recollida para asegurar que ninguén ficase sen o seu turno. Cada familia, ao longo dun mes, debería ter recibido comida por valor de 70 dólares. Á hora de entregar os alimentos, esixían que non se pedira ningún tipo de datos ou identidade ás persoas, de xeito que calquera que se presentase pedindo comida debería recibila, sen cuestionarios ou formularios, e sen ningunha condición excepto que as persoas receptoras da campaña serían aquelas que cobrasen algunha prestación social, pensión ou axudas da seguridade social. Por último, nombraban a unha serie de organizacións como mediadoras entre o ESL e o señor Hearst, advertindo de que tiñan un prazo de 24 horas desde a recepción do comunicado (transferido por medio dunha grabación nunha cinta de cassette) para que o devandito texto aparecera transcrito en todos os medios de comunicación sen omitir absolutamente nada, así como un prazo dunha semana para que a comida comezase a circular. En caso de non facer caso ás demandas ou de non cumprir algún dos puntos establecidos no comunicado, a prisioneira sería mantida baixo custodia, dacordo ás condicións fixadas polos tratados internacionais para prisioneiros de guerra. En caso de intervención policial, a prisioneira sería executada.

Inicialmente, o señor Hearst fixo unha doación de 2 millóns para comedores sociais e proxectos benéficos adicados a alimentar a persoas desamparadas. Esta aportación, diferente ao esixido orixinalmente polas secuestradoras, foi xustificada polo multimillonario con que, atendendo ás condicións do ESL para a distribución de comida, calculaba que alimentar con 70 dólares durante un mes a cada persoa pobre de California, entendendo por “persoa pobre” a que respostase ao descrito polo comunicado do ESL, custaríalle arredor de 400 millóns de dólares, cifra que el consideraba imposible de pagar. Polo tanto, alegaba ter doado 2 millóns coma xesto de boa vontade que consideraba suficiente, esixindo que comezasen as negociacións pola liberación da súa filla. O ESL respostou enviando outra cinta de cassette cunha nova grabación na que o ESL acusaba a Hearst de tomalas por parvas, afirmaba que sabían que Hearst tiña moitos millóns máis, e esixían que destinase á campaña un mínimo de 4 millóns máis (ascendendo a cifra demandada a 6 millóns). Tamén sinalaban  ao fillo do señor Hearst e irmán de “Patty” por ser amigo do Sah de Persia, ao que acusaban de ser un asasino fascista e criminal, sentenciando “hoxe é día 19, e onte ao mencer o Sah de Persia ordenou executar a dúas persoas”.

Tras algunha que outra tentativa de sortear as demandas do ESL demostrando que para o señor Hearst era máis importante regatearlles uns millonciños aos secuestradores a pesar dos seus incontables ingresos anuais que garantir a seguridade da súa filla, os torpes intentos do señor Hearst por esquivar as peticións dos secuestradores non pasaran desapercibidos. O ESL sabía que o señor Hearst continuaba colaborando co FBI mentras xogaba a gañar tempo, a pesar de que mensaxes grabados en audio pola súa filla pedíanlle por favor que detivera calquer intento das forzas policiais de organizar un rescate por medio da forza. Nun comunicado grabado en audio, Patty Hearst recriminaba así á súa nai e sobre todo ao seu pai ser tan imprudentes, poñer en perigo a súa vida e involucrar ao FBI en vez de acceder ás demandas, tentando enganar ao ESL:

“Non creo que esteades facendo todo o que podedes, todo o que está nas vosas mans. Nin sequera creo que esteades facendo algo. Dixéchedes que non está nas vosas mans, cando o que deberíades ter dito é que estádesvos lavando as mans con respecto a todo este asunto. (…) Papá, non podes cargar a responsabilidade da miña situación á corporación. Parece que ignoras o feito de que ti eres o presidente do consello e que o tío Bill é o presidente da Hearst Corporation. Sei que se me pasa algo, será porque os teus asesores da corporación e o FBI decidiron protexer os seus intereses en lugar de protexer a miña vida. (…) Non sei quen vos inflúe para que non cumprades o xesto de boa vontade. Sei que poderíades telo feito do xeito que o ESL pedía. Quero dicir que sei que temos suficiente diñeiro. Pero a min dame a impresión de que ti dixécheslle ao FBI que fixera todo o posible para destruir ao ESL. Quedouche claro todo isto, papá?”

Ademais, afirmaba que o propio grupo entregáralle unha escopeta antidisturbios do calibre 12 e ensináranlle a utilizala para que, en caso de asalto policial ao lugar onde a tiñan retida, ela puidera defenderse. Lóxicamente, estaba descargada, e non tiña acceso a munición, pero explicáranlle que, en caso de intervención policial, recibiría perdigóns cargados con cianuro para poder protexerse. Patty chegará a conclusión de que todo intento do FBI por “rescatala” só remataría con ela morta. Non quería ser rescatada. Só quería que o seu pai cumprira o que pedían e fose liberada de xeito seguro. Alén, Patty comezaba a comprender as intencións e os soños daqueles que a tiñan cautiva.

Na mesma cinta, Patty dicía:

“De verdade que quero saír de aquí e que desexo volver a casa viva. Fago un chamamento ao público e pido que non axude ao FBI na súa investigación. Facendo isto, simplemente están axudando a cavar a miña tumba. Pido a esas persoas que din que rezan por min e a aquelas que asinan peticións dirixidas ao ESL para que me liberen sá e salva que dirixan os seus esforzos a opoñerse aos crueis intentos do FBI de matarme a min e aos dous homes de San Quintín.

Xa non temo ao ESL, porque non son eles os que desexan que eu morra. O ESL quere alimentar ao pobo e garantir a seguridade e a xustiza aos dous homes en San Quintín. Agora decátome de que é o FBI quen desexa matarme. Só o FBI e certas persoas no goberno teñen algo que gañar coa miña morte.”

No transcurso da negociación e coa distribución de comida en marcha, produciuse unha crise nun dos puntos de recollida cando diante dunha multitude moito máis grande do esperado, para as persoas voluntarias resultou imposible xestionar a situación, producíndose pelexas e destrozos entre as persoas que agardaban recibir alimentos. Isto detivo de novo a operación.

Fotografía dos momentos de tensión e desorde creados durante un dos repartos de comida.

A situación alcanzou un novo punto de inflexión cando, despois de aproximadamente dous meses de secuestro e vendo as súas demandas cumpridas, o ESL enviou un novo comunicado, pero esta vez algo importante cambiara o curso dos acontecementos de xeito imprevisto. Na cinta que recibiría a familia Hearst o 3 de abril de 1973, “Patty” declarábase membro do ESL, asumindo o sobrenome de “Tania” en relación, segundo ela, á guerrilleira que acompañou a Ernesto Che Guevara, renunciando a calquera lazo coa súa vida anterior e expresando ter comprendido e desenvolto simpatías cara a causa do ESL. Segundo as súas palabras, déranlle a escoller entre ser liberada ou sumarse ás filas do ESL, e ela fixera a súa elección sen ser coaccionada. A súa cinta concluía cun berro de “Patria ou morte! Venceremos!”.

Fotografía de Patty Hearst tomada despois de comunicar a súa adhesión ao ESL.

A adhesión de Patricia ao mesmo grupo armado que a secuestrara para extorsionar á súa familia causou unha gran conmoción internacional, e especialmente en California. Todos os medios de comunicación comezaron a falar do chamado Síndrome de Estocolmo, termo psiquiátrico para designar o trastorno que conduciría ás persoas secuestradas ou privadas de liberdade por un tempo prolongado, a desenvolver simpatías cara a causa do grupo que as reteñen, sentimentos de afecto cara algunha das secuestradoras etc.

A pista de “Patty” perderíase durante aproximadamente un ano a pesar dos desesperados intentos da súa familia por dar con ela, convencidas de que Patty sufrira “un lavado de cerebro” e que non estaba actuando nos seus cabales. O 15 de abril de 1974, Patty volvería a aparecer no interior dunha sucursal do Banco Hibernia en San Francisco, armada cun fusil e tentando disfrazar a súa identidade cunha peluca. Ademais, na mesma escena sería vista bicándose co líder do grupo. “Patty” tamén sería vista un mes máis tarde, en maio dese mesmo ano, participando noutro tiroteo diante dunha tenda dunha cadea de deportes no suburbio de Inglewood en Los Ángeles.

O 17 de maio de 1974, xusto un día despois dos enfrontamentos en Inglewood, unha veciña chivata informaría á policía de que nunha vivenda doutra zona moi precaria do sur de Los Ángeles, Compton, situada en concreto no número 1466 da rúa 54 Leste, estaba a ter lugar unha actividade sospeitosa, afirmando que ollaba entrar e saír con frecuencia a dous homes e varias mulleres cuxa descripción coincidía coa anunciada nos medios de comunicación polas forzas represivas. Así, os madeiros comezaron a inspeccionar a zona e descubriron unha furgoneta aparcada no predio da citada vivenda que coincidía cunha das usadas polo ESL. De inmediato, déronse ordes de enviar alí un equipo de asalto para arrestar ás guerrilleiras que alí se atopasen. Tres escuadróns coordinados entre sí dos famosos SWAT (Special Weapons And Tactics, Forzas Especiais creadas no 1967 polo LAPD, Los Angeles Police Department, Departamento de Policía de Los Ángeles) serían enviados a esa misión. Tras despregarse arredor da casa, anunciaron a súa presencia por megafonía. A porta foi aberta e da casa saíron un home e un neno desarmados, coma reféns que o ESL liberara. As forzas policiais interpretaron isto coma unha rendición, pero a porta pechouse tras eles e non obtiveron resposta, polo que volveron enunciar as mesmas ordes por segunda vez esixindo ás membros do ESL que se atopasen no interior da vivenda que saíran coas mans en alto. Como tampouco recibiron ningunha resposta, a policía lanzou un bote de gas lacrimóxeno por unha ventana, coa esperanza de que o gas obrigara a saír ás persoas que se atopaban dentro, pero non funcionou. Foi entón cando o xefe do operativo ordenou lanzar un segundo bote, obtendo como resposta varios disparos que procedían do interior da casa. Finalmente, no transcurso do tiroteo, unha bala policial tería impactado nun bidón de gasolina que se atopaba dentro, prendendo lume a toda a vivenda e provocando un gran incendio no que morreron todas as guerrilleiras que se atopaban alí atrincheradas, e que constituían a maior parte da banda.

“Patty” Hearst, con todo, non se atopaba entre os cadáveres rexistrados polas unidades forenses. Sería o 18 de setembro de 1975 cando sería finalmente descuberta nun piso acompañada doutro membro do ESL. Ambas serían detidas. Antes destes novos arrestos, as membros restantes do ESL tentarían unha expropiación bancaria noutra sucursal, desta volta no Crocker Bank de Carmichael. Durante a operación morrería unha cliente do banco, Myrna Lee Opsahl, de 42 anos, alcanzada por disparos efectuados ao parecer accidentalmente pola escopeta que portaba Emily Harris, membro do ESL.

Despois da súa detención, comeza o último episodio desta historia. Patty renegaría, de súpeto, de todo aquilo que defendera arriscando a súa vida durante o último ano. Afirmaría que só levou a cabo esas accións porque foi convencida e manipulada psicolóxicamente por membros do grupo, a algúns dos cales acusaría tamén de tela agredido sexualmente. Negaría calquer vínculo afectivo ou amoroso real con membros do ESL e por suposto, regresaría ao carón do seu pai multimillonario. No xuízo, contaría a historia con esaxeracións aberrantes, victimismo e moita cara dura. Seguindo os consellos do seu equipo de defensa legal, Patty afirmou ter sido víctima do Síndrome de Estocolmo, acusou ao ESL de lavarlle o cerebro, e relatou como nos primeiros meses do secuestro, a tiveran pechada nun armario onde sufrira todo tipo de abusos sexuais e físicos. A pesar de todo isto, foi condenada a 7 anos, unha pena reducida se a comparamos ás recibidas por outros membros do ESL detidos, e da que, de todos xeitos, rematou cumprindo apenas 2 anos, xa que no ano 1979 o presidente Carter conmutoulle a pena. En 2001, nas postrimerías do seu mandato, Bill Clinton otorgoulle oficialmente o perdón completo.

Para gran parte da chamada “opinión pública”, “Patty” Hearst foi unha das máis famosas víctimas coñecidas do Síndrome de Estocolmo de toda a historia. Para outras, coma é o meu caso, simplemente tratouse dunha hipócrita oportunista que en cada momento reptou ata o sol que máis quentaba. En calquera caso, se de algo estou seguro é de que levará o seu segredo á tumba. Oficialmente nin sequera figura coma unha “arrepentida”, senón como a coitada e indefensa víctima dunha cruel manipulación mental provocada polo trauma do secuestro. Nunca o saberemos. E que queredes que vos diga… Penso que hai segredos que é mellor non desvelar, que total, non gañamos para disgustos.

Disnomia

—————

Nota:

* Aínda que empregue o termo “tercermundista” por non complicarme, gustaríame apuntar que en realidade estou bastante en desacordo coas connotacións de dito concepto, xa que penso que ao falar de “tercermundismo” non só reforzamos estereotipos e ideas neocoloniais, racistas e imperialistas polos cales só existiría un modelo válido de desenvolvemento e todo o demáis sería considerado “inferior” dando prioridade ao desenvolvemento segundo o modelo considerado “primermundista”, ou sexa, occidental, branco, industrial e capitalista, senón que, ademais, penso que corremos o perigo de validar o paternalismo eurocéntrico que logo serve de pretexto para o desembarco de novos intereses imperialistas nesas zonas, os mesmos intereses que as empobreceron e esmagaron. Quería matizalo a pesar de que eu mesmo empregase esa linguaxe para simplificar un pouco o texto

Bibliografía:

· “A partir de ahora llamadme Tania… – Crónicas de una guerrillera simbiótica”, La Felguera Editores. ISBN: 978-84-937467-3-5 | 230 páxinas

· “Morir de éxito”, artigo publicado no blogue Operación Löwenzahn (Nota do Autor: O devandito artigo aquí referido, “Morir de éxito”, foi escrito desde unha posición que non comparto en absoluto, insultando ás membros do ESL constantemente e abordando os feitos desde posturas máis próximas á criminalística policial e a discursos neoliberais moi rancios; con todo, aporta unha gran cantidade de datos no que respecta a datas e lugares que no libro de La Felguera escapáronselles e, a pesar das distancias radicais que manteño co punto de vista da persoa autora, paréceme necesario citalo coma fonte bibliográfica, o que non se debe confundir cunha suposta simpatía co resto do contido ou coa postura desde a cal foi escrito).

“Patty” Hearst durante o asalto ao banco Hibernia.