Anarquismo e entropía

a

En ocasións táchasenos aos e as anarquistas como persoas xenuínamente idealistas que pretenden un mundo perfecto, onde todo réxase pola cooperación e onde o mundo liberado das súas cadeas converterase no paraíso terreal. “A Anarquía é a máxima expresión da orde”. Esta antiga frase soada marcoume cando tan só era un adolescente e francamente seduciume. Con todo, hoxe en día e cun pensamento máis elaborado vexo nela certo carácter iluso e descoñecedor de como funciona o mundo e por tanto o universo. Isto é un tema delicado, pero tentarei vencellar as teses anarquistas ou polo menos algunhas delas co Mundo do Caos e a segunda lei da  Termodinámica: A  Entropía.

Esta lei fundamental da física expón que a desorde é moito máis probable que a orde e que o Caos é a orde natural das cousas. Isto conduce a un incremento da  Entropía. Agora ben, Que relación ten isto coa praxe anarquista? Desde certos sectores do anarquismo clásico reivindícase moito esa orde perfecta como emancipación das clases explotadas. Esa loita por unha “orde anarquista” entra en contradición con esta lei básica da física e ponnos aos e as anarquistas na tesitura de entender primeiro o cosmos, para así levalo á nosa teoría e práctica. Con isto quero dicir que dado que todo tende á desorde debemos permitir a explotación e barbarie? Non, en absoluto, posto que esa desorde ten igualmente unha orde e existe unha alta e baixa  entropía. É dicir, dentro da tendencia á desorde, pode haber maior ou menor orde.

Co que o  anarquismo sería máis que a máxima expresión da orde, unha especie de “caos organizado” ou debería selo, ademais dun proxecto en constante construción. No hipotético caso dun sistema-mundo anarquista, non valería con abolir toda relación  coactiva, e quedarnos apoltronados na nosa marabillosa Acracia, senón que debería ser algo inconcluso, en movemento, en permanente construción como ben digo. Co que, cando nos falen do anarquismo como orde, respondamos con algo tan sinxelo como o incremento da entropía cunha parte á súa vez de orde.

O  anarquismo non é unha fábula romántica, senón un duro espertar.

Anarkaoss