Identidade, autenticidade, reciprocidade

N. do A. – Para unha mellor comprensión deste texto teño que aclarar que se trata dunha reflexión persoal sobre varias actitudes e acontecementos que interpreto como un intento de suplantación da identidade do colectivo Abordaxe! por parte de supostos compañeiros de loita.

Xenuíno: Que posúe e conserva con total autenticidade e lexitimidade todas as características propias da súa natureza.

Aqueles revolucionarios que intentan desprazar ou suplantar unha identidade, exhibindo e imitando en forma e contido as súas características e disimulando premeditadamente a súa orixe, así como ignorando as circunstancias, as loitas de onde provén e as relacións que estas implican, amosan ser incapaces de analizar, comprender e “revelar os segredos da súa época[1]Onde o espectáculo invadiu todo os pequenos plaxios poden non ter importancia. Con todo, adentrándonos no terreo pantanoso da autenticidade, se “a propiedade é un roubo”[2]as falsificacións no contexto mencionado non fan máis que confirmar a falta de xenuinidade e reiterar a incapacidade dalgúns elementos para recoñecer, valorar e respectar toda iniciativa e traxectoria que non sexa a propia ou non responda ás súas idealizacións.

Nun presente onde a ficción domina as relacións humanas e onde as loitas contra esta ficción non son alleas ao maquiavelismo, parecemos esquecer que a reciprocidade constituiu sempre un dos valores máis importantes da ética revolucionaria, a base dos lazos asociativos de calquera comunidade de loita. Hoxe esquecemos e renunciamos (de forma máis ou menos consciente) a moitos dos códigos que nos ligan no compañeirismo, fundamentais para desenvolver e garantir a nosa razón de ser como rebeldes subversivas e antiautoritarias. Nada pode destruír a singularidade de cada individuo, pero esa singularidade irredutible soamente poderá pontenciarse e consolidarse nun plano social. Vivimos nun presente onde non existe espazo para as nosas ideas e impulsos máis xenerosos, presas da opinión e da democraticidade. Quizais estes tempos esixan dunha vez por todas sincronizar as nosas inquedanzas e os nosos desexos libertarios, procurando unha consideración máis atenta e fraterna das distintas proxectualidades comúns.

Rexeitar, identificar e desactivar os valores mesquinos da sociedade do espectáculo, principalmente para contrastar e complementar as nosas loitas con honestidade e non reducir os nosos horizontes proxectuais a unha fuxida cara adiante no deserto árido e desolador da posmodernidade.

B.Castrón

[1] Concepto formulado pola Encyclopédie des Nuisances.

[2] Frase de Pierre-Joseph Proudhon.