NÓS

img130


Abordaxe! é un colectivo editorial anarquista, unha gavilla de piratas embarcadas nun galeón autoxestionario, sen ánimo de lucro e independente de calquera organización ou institución. O noso proxecto nace da necesidade de xerar e confrontar ideas en chave antiautoritaria e da intención de investigar e recuperar a memoria respecto das loitas contra a dominación e dos tecidos comunitarios e autoxestionarios que ligaron a Galiza e outros territorios do mundo durante longo tempo. Plasmar esta tarefa a través da nosa revista e todo o material que editamos como contribución a estas loitas no presente son algunhas das nosas principais prioridades.

Para conseguir o material que editamos e calquera tipo de achega contacta connosco en abordaxe@bastardi.net

———————————————————————————————————————————————————

Un pouco de historia:

No ano 2008 un feixe de individualidades anarquistas de distintos puntos da Galiza, xa ligadas por anteriores proxectos comúns e relacións de afinidade, sentimos a necesidade de dotarnos de órganos de expresión e tamén de xerar un espazo de referencia para a comunicación no que as distintas sensibilidades antiautoritarias puidesen construír, desenvolver o seu discurso e confrontar ideas, ademais de facilitar a súa coordinación mediante un labor informativo e visibilizar a nivel internacional tanto as loitas antagonistas que se desenvolven no ámbito galego, como dar a coñecer nestas latitudes distintas realidades e contextos de loita contra a dominación noutros territorios do mundo. Deste modo levamos a cabo a creación dunha revista en papel, complementada por un blogue de carácter máis dinámico e periódico que axudasen a encher ese baleiro. A estas ferramentas sumamos no ano 2015 un boletín mensual en formato impreso co que plasmar de forma máis eficiente nas rúas a nosa actividade. Este boletín publicaría a súa última edición en maio de 2017, tras 19 números. Nese momento, nun clima de mudanzas e debates internos no seo do noso colectivo, tras 9 anos de comunicación virtual e impresa ininterrompida, decidimos virar o noso temón cara outros horizontes, se cadra máis ambiciosos. Así é como tomamos a decisión de suspender o traballo contrainformativo, ata entón prioritario, e reformular o noso proxecto como editorial, mantendo tamén a nosa revista, que é onde mellor e con máis saña destripamos o cadáver desta sociedade autoritaria e onde máis alegremente pasamos pola quilla os principios que a sustentan.