V

Abordaxe! revista anarquista nº5

Outono 2015.
DESCARGA: ABORDAXE, REVISTA ANARQUISTA. Nº 5
OUTROS NÚMEROS

abordaxe-no5-1Voltamos lanzarnos á aventura. Por quinta vez consecutiva levamos áncoras, aparellamos velas, aprovisionamos as nosas bodegas cunha boa dose de material subversivo e revolucionario e aproamos o desafío de inflamar conciencias polos mares da tinta e do papel. Atrás deixamos os nosos cómodos refuxios internáuticos, desde os que, cos pés na terra firme do soporte dixital, desenvolvemos tamén o asalto de institucións, dogmas e autoridades. Pero o sabor da tinta solivianta con máis forza o noso espírito rebelde, por iso deixamos a munición grosa e o calibre pesado para as nosas aventuras sobre o papel. Internet é para a noticia, para o consumo inmediato, quizais para algún texto reflexivo que urxa ser publicado; gardamos para a revista as nosas mellores andanadas de furia libertaria. Non é senón no formato físico onde mellor e con máis saña destripamos o cadáver ambulante desta sociedade capitalista e autoritaria, onde máis alegremente pasamos pola quilla os principios que a sustentan e onde máis nos divertimos empurrando pola táboa aos seus valedores, representantes e falsos opoñentes. Así que aquí estamos de novo, dispostos a facer tambalear os cimentos da democracia desde a nosa modesta condición de bucaneiros da conciencia.

E é agora un momento indispensable para lanzar a nosa artillería antiautoritaria, posto que os longos tentáculos da rancia política institucional, co seu caduco cheiro a tanatorio e naftalina, parecen introducirse por entre as loitas sociais para reconducilas á mansa indignación da intención de voto. Parece que, nestes tempos, moitos dos que onte se dicían feros piratas resultaron ser simples e obedientes corsarios ao servizo das vellas bandeiras que mellor se acomoden ás súas necesidades e opinións. Abandeirados do cambio que, con as súas incendiarias chamadas á orde, non fan senón apontoar a estabilidade e a pervivencia do sistema nun eterno cambiar as cousas para que todo siga igual.

Renegando de calquer componenda co poder, xa sexa estatal, financeiro ou de calquera outra índole, nós reivindicámonos piratas da guerra social. Sen deus, nin amo nin bandeira combatemos calquera autoridade, sen asinar patentes de corso nin amnistías, asaltando calquera barco que detente autoridade, xa sexa galeón ou carabela. Seguimos reivindicándonos anarquistas incorruptibles nestes tempos ambiguos e estraños nos que ata o voto preténdese tinguir de libertario.

E volvemos á rúa, o lugar que nos corresponde aos anarquistas e antiautoritarios. Nin as poltronas e despachos, nin a cómoda tranquilidade que confire o anónimo ciberespazo. As mesmas rúas nas que nos reunimos, protestamos e, cando hai sorte, eriximos barricadas, son o medio idóneo para a difusión da nosa propaganda revolucionaria. A outros lles deixamos a exclusividade do medio internáutico, desde o que pontificar en pantuflas e albornoz sobre o humano e o divino, xulgando e puntuando as miserias dos que pisamos no chan e nos enporcamos na lama.

Pois iso, aquí vai outra andanada da nosa subversiva crítica libertaria. Volve ser gratuíta (para vós, queridos lectores, que a nós ben que nos custa). Así que só esperamos que ao que non lle guste o que opinamos lla pase a outro ao que lle poida interesar. ou se non que lle prenda lume e que a use de mecha coa que incendiar un banco, un concello, un xulgado ou unha barricada.

ÍNDICE:

Editorial – 5

Novas realidades, vellos desexos – 6

Postindustrialismo, Estado e loitas de liberación nacional – 9

Estracto dun panleto aínda non publicado,

perto dalgunha fronteira que queremos tirar abaixo.

Contra a cultura, contra a civilización – 10

Fábula do Tio Manolo – 11

Non somos nada – 12

O exemplo de aldeia galaica – 14

A Xosé Tarrío – 18

Revisando o concepto de Xustiza e a súa dualidade – 24

Vazio – 26

Cando o cárcere ruxe – 27

As U.T.E. – 28

Unha graxa na cidade – 29

No espello – 34

Nada – 35

Magnifesto ou Manifesto Magnicida – 36

A moi curta historia do novo movemento anarquista en Rusia – 38